Sunday 05 de May de 2024

O BNG pide a roza da maleza e mellorar a accesibilidade nas beirarrúas de Artes


As beirarrúas que atravesan a parroquia de Artes non se caracterizan por seren amplas, máis ben todo o contrario, son bastante estreitas pero nalgúns puntos aínda se fan máis escasas debido á maleza que crece ou mesmo a sinais que dificultan o tránsito.

Segundo denuncian desde o BNG, o goberno local mandou colocar recentemente un sinal de paso de peóns no cruzamento que vai á igrexa, de tal maneira que estreita a beirarrúa nese punto poñendo dificultades ao tránsito peonil.

Veciños da parroquia puxéronse en contacto co BNG para mostrar o seu malestar ante o que cualifican de “chafallada” porque obriga, ás persoas que levan carro de crianzas ou de compra, a baixar á estrada para poder continuar camiñando.

O portavoz nacionalista, Luís Pérez Barral, asegura que ademais deste sinal, é habitual ver como a maleza invade as corredoiras e parte do itinerario peonil nalgúns puntos das beirarrúas que atravesan Artes. “Ano tras ano a maleza invade as corredoiras porque non existe planificación, o goberno actúa a golpe de improvisación” denuncia Pérez Barral.

Os nacionalistas cren que o Partido Popular está sometendo ás parroquias de Ribeira a un abandono cada vez maior e a unha discriminación por falta de investimentos. “Ante esa parálise, falta de planificación e de investimentos, no BNG imos seguir traballando a carón da veciñanza, como xa estamos a facer, presentando propostas e iniciativas que melloren a calidade de vida da veciñanza” concluíu Pérez Barral.